Estamos dando os primeiros pasos para ter tamén o Apache Open Office en galego. En poucos días verá a luz a versión 3.4 de AOO e queremos poñer ao día a tradución herdada do Proxecto galego de Lingua Nativa (http://www.openoffice.org/gl/) para que está renovada suite, que agora forma parte do ecosistema da Fundación Apache, poida seguir sendo utilizada libremente.
Pódese seguir a actualidade no blog http://blogs.apache.org/OOO/
Apache Open Office herda legalmente o nome de Open Office, o nome de dominio e, por suposto todo o código fonte de Oracle e da infraestrutura que acompañou durante 10 anos o proxecto OpenOffice.org.
Agora ademais recibe o código fonte de Symphony, a versión de código privativo desenvolvida por IBM, que se incorpora como código aberto a esta nova etapa dos produtos "Open Office".
O proxecto AOO, inmerso desde hai un ano nun complexísimo proxecto de migración a gran escala, está na incubadora http://incubator.apache.org/openoff...
Nota para iniciados
Este proceso de migración tanto de infraestrutura como de licenza de código é a clave para entender os distintos ritmos de progresión entre LibO e AOO. Apache OpenOffice viuse obrigado a substituír todo o código que foi integrado en OpenOffice con licenza LGPL, vírica, reescribíndoo só por cuestións legais. Unha historia complicada de anos como corresponde a un software tan importante, antigo e complexo.
Mentres no código de OpenOffice.org había contido mixto (historicamente o desenvolvemento fíxose coa SISSL, e desde o 2005 tamén se ofreceu xuntamente coa LGPL, no 2008 pasou de LGPL 2.1 á nova LGPLv3) pero mesmo había complementos privativos de Sun, e despois Oracle, aínda que non formaban parte do "core"; había logo mestura de modelos de licenza. A que ampara The Document Foundation é estritamente LGPLv3, copyleft, e a da Fundación Apache é ASL compatible coa GPL pero non coa LGPLv3. Dise que a LGPLv3 é vírica porque non permite que as empresas desenvolvan código privativo sobre o GPL, nada de código patentado, mentres que a ASL de Apache pode dicirse que é "enterprise friendly" e por esa razón útil para empresas como IBM, que teñen interese en manter determinados desenvolvementos e servizos como exclusivos para os seus clientes.
Unha cousa importante que se deriva é que mentres calquera desenvolvemento ou innovación que se faga en Apache OpenOffice pode ser reaproveitada por LibreOffice, ao revés non se cumpre, por ese carácter de copyleft vírico da licenza LGPLv3. A realidade será co tempo distinta. A medida que os distintos fillos de OpenOffice.org vaian progresando, irán cambiando o código de maneira que deixará de ser directamente reutilizable. O que nunca cambiará é o compromiso co formato estándar de documento, o ODF (.odt para textos) que é auténtica trabe de ouro e o que importa finalmente para o intercambio de documetnos, a interoperabilidade de sistemas e a preservación futura da información.
Pero volvendo ao Proxecto AOO xa temos moito camiño andado e en breve sairá a primeira versión pública que se denominará AOO 3.4 e da que xa contaremos novidades no seu momento. De momento, a nosa preocupación fundamental será que estea dispoñible en galego e a activación das ferramentas para seguilo mantendo.
Anímate a colaborar subscribíndote á lista de correo (única de momento para todo): ooo-dev@incubator.apache.org
