A tradución dos estilos e formatado predeterminado ten un problema que afecta especialmente a Writer e arrástrase desde hai anos.
Recibin unha mensaxe dun usuario hai unhas semanas [1] que me comentou o problema aínda que a explicación que me deu non se axusta exactamente ao que pasa, pero é un problema que hai que solucionar e por iso son tan importantes os avisos dos usuarios (Grazas Landru)Despois de investigalo resúmovos a cuestión
Temos na tradución do seguinte ficheiro
OO.o PO UI » sw / source / ui / utlui.po
Title > Título
Heading > Título
Heading 1 ... e seguintes > Título 1 ... e seguintes
Header > Cabeceira
Segundo os glosarios habituais e outros que son fillos do de Trasno, desaparecido agora (http://gl.wikibooks.org/wiki/Dicion...), traducimos habitualmente heading como título, é certo.
Noutros como o de Mancomún (http://wiki.mancomun.org/index.php/...) hai que recoñecer que xa hai indicios do problema:
header > cabeceira
heading > cabeceira / encabezamento / #título
Isto provoca que se confundan o estilo "Title" e o estilo "Heading" e son cousas moi diferentes. En breve
O estilo title é un estilo "mestre", quere dicir que non é un estilo do contido senón de documento enteiro
O estilo header é un estilo da estrutura da páxina (en certa medida tamén do documento)
O estilo heading é un estilo de contido, sen relación coa páxina nin co documento
Consecuencia
Ao pasar un documento formatado nun OOo en galego a outro equipo onde está en castelán ou en inglés, o texto "descoordínase" como moi ben di o usuario. E ao revés.
"Isto supón que o resto dos estilos encabezados (encabezado 1, encabezado 2... encabezado 10) traducidos como titulo (titulo 1, titulo 2... titulo 10) non herdan do estilo encabezado en castelán, senón que herdan do estilo título (igual en castelán como en galego). É dicir, o estilo "título" noutros idiomas é "fillo" do estilo mestre "encabezado", e en galego pasa a substituír a ese estilo mestre "encabezado". ... (por exemplo, todos os encabezados - "títulos" en galego - pasan, normalmente, a estar centrados). En caso de usar documentos modelo (plantillas en castelán), se se empregan estes estilos (titulo e encabezados...), que soe ser o 99,99% dos casos, encontrariámonos con este problema."
Este problema non aparece só no galego senón tamén no pt e no pt-BR pero TAMÉN no fr e, posiblemente iso é o que explica a tradución galega, xa que son os idiomas de referencia habituais.
Aquí está o que fixeron outros idiomas
en: title/heading
es: título/encabezado
ca: títol/Encapçalament
it: titolo/Intestazione
nl:titel/Kop
hu:cím/címsor
ast:títulu/cabecera (métese así en asturiano no mesmo sarillo polo outro lado, xa que tamén traducen header>cabecera)
Non fixen todas as probas que habería que facer pero propoño as seguintes solucións
| A | ||
| título | encabezamento | ... e á parte header > cabeceira |
| B | ||
| título do documento | título | ... e á parte header> cabeceira |
O problema é que en galego "encabezamento" está recollido como a fórmula de inicio dun texto, carta, etc. Non entro a valorar cabezallo porque o considero un tecnicismo agrario e encabezado tampouco vale, porque é adxectivo.
Non hai unha solución fácil porque as palabras que podemos usar son moi polisémicas: cabeceira de carta ou documento administrativo, que distingue en entre cabeceira impresa (cabeceira-rodapé-notas marxinais) e cabeceira do contido (cabeceira-corpo-peche), título e subtítulo, rótulo, sección, apartado, parágrafo ...
Non me acaba de convencer "encabezamento 3, encabezamento 7..." porque non se relaciona con "ir na cabeza" ou igual si... xa que son estilos relacionados co parágrafo e os textos marcados como heading encabezan o seguinte parágrafo pero tamén a tradución galega perde independencia respecto do español. Estou convencido de que "encabezamento" funcionaría na cabeza do usuario por castelanismo, en galego propiamente é unha palabra un pouco estraña e moi culta.
Unha solución radical pero clara sería optar por título/sección que ten ademais a vantaxe de ser exclusivamente relacionada coa estrutura do contido de texto e por tanto funciona perfectamente cos outros estilos como "sección de bibliografía", "sección de índice", etc e non colisiona coas demais estruturas. Tamén valería título/nivel
Outra opción sería manter título pero complementalo
Título do documento/Subítulo do documento/Título de nivel ou sección 1/ Título de nivel 2... /Título de índice/ Título de contido etc... hai varios grupos dese estilo pero fixádevos que tamén resulta redundante... se todos son títulos entón para qué dicilo: Documento/Nivel/Índice...





4 Mensaxes do foro