Entrada do web > Novas e anuncios > Instalación de OpenOffice.org en Ubuntu

Instalación de OpenOffice.org en Ubuntu

luns 7 de xuño do 2010, por Méixome

Hai miles de webs que teñen explicacións de como instalar OpenOffice.org en Linux, tamén en Ubuntu. O único interese para este blog é poder ter unhas instrucións en galego actualizadas procurando que non se dea nada por sobreentendido.

Aquí van os pasos para instalar desde un terminal.

1. Para instalalo en galego, primeiro descargamos o paquete que contén a versión localizada que corresponda ao noso sistema [1].

É moi recomendable descargar ou mover despois de descargar este ficheiro a unha localización cómoda como o Escritorio ou un cartafol de descargas directamente unido á raíz de /home :

OOo_3.2.1_LinuxIntel_install_gl_deb.tar.gz [2]

2. Desinstalamos a versión anterior de OpenOffice.org que teñamos instalada.

Nota: pode que o terminal pida confirmación, para o que hai que introducir «S» (si) ou «y» (yes)

É necesario este paso para evitar problemas de configuracións. Faise cun usuario con permisos [3] desde o terminal, coas ordes seguintes:

aptitude remove openoffice.org-core openoffice.org-common

ou

sudo aptitude remove openoffice.org-core openoffice.org-common

e como segundo paso:

aptitude purge openoffice.org-core openoffice.org-common

ou

sudo aptitude purge openoffice.org-core openoffice.org-common

Nota importante [4]

3. Unha vez despexado o terreo, descomprimimos o ficheiro que descargamos antes con:

 [5]

$tar -xzvf OOo_3.2.1_Linux_x86_install-deb_gl.tar.gz

4. Logo, poñémonos dentro do cartafol descomprimido con:

ls (esperamos resposta...)
cd OOO320_m18_native_packed-1_gl.9502

(Obviamente poñemos o nome do cartafol correspondente, tipicamente longo. Un truco [6])

ls (esperamos resposta...)
cd DEBS

Aí están un bo feixe de ficheiros .deb que nesesitamos manexar e tamén un cartafol que se usará despois.

5. Intentar instalar manualmente os ficheiros .deb un por un é bastante problemático e latoso porque hai que facelo seguindo unha orde predefinida. Moito máis útil é darlle a orde ao sistema para que o faga todo por si mesmo:

$ sudo dpkg -i *.deb (xa sabemos que «sudo» server para obter permisos de instalación)

Así se instalan todos os paquetes na ordenación correcta. Ao rematar, OpenOffice.org está realmente instalado pero non se verá no menú Aplicativos de Ubuntu, non está «integrado»

(Compróbeo escribindo a orde soffice no terminal, que provocará o arrinque da suite)

6. Agora, seguindo na consola, cambiamos a nosa posición ao cartafol desktop-integration para instalar as iconas de OOo.org no menú:

Así cambiamos

cd desktop-integration

Así, instalamos o único paquete que quedaba pendente

sudo dpkg -i openoffice.org3.2.1-debian-menus_3.2.1-9502_all.deb

E, velaí, quedou instalada a suite OpenOffie 3.2.1 [7]


Instalar a JRE (máquina de Java)

Determinadas funcionalidades de OOo.org necesitan este complemento

Para instalalo en Ubuntu vaia a

Sistema > Administración > Xestor de paquetes Synaptic

Escolla, cando menos os seguintes paquetes se non están instalados:

- sun-java6-fonts
- sun-java6-jre
- sun-java6-plugin

Agora si, compróbeo:

PS.

Se se trata de instalar só o paquete de idioma (lang-pack) entón a cousa é aínda máis sinxela. No terminal

sudo apt-get install openoffice.org-l10n-gl openoffice.org-help-gl

Notas

[1] Aquí falamos da versión 3.2.1 de 32 bits para un sistema Debian porque é a versión que acaba de saír neste momento e a máis habitual

[2] O nome do paquete e todo o relacionado co nome será diferente en versións futuras ou pasadas. Aplíquese a que corresponda.

[3] Usuario con permisos é aquel que pode instalar ou desinstalar para o caso que nos ocupa. Se está traballando cun usuario normal pode anteceder as ordes con «sudo» e introducir o contrasinal correspondente ao usuario con permisos de administrador

[4] Segundo como fose o proceso de instalación orixinal, pode ser necesario utilizar a orde sudo apt-get remove openoffice* para que se produza a desinstalación. Para as diferenzas entre a orde con aptitude e con apt-get véxase http://campanilla.info/apt-o-aptitude/

[5] Este símbolo indica o prompt de consola, nada máis. Non é preciso escribilo no terminal

[6] Non é necesario teclear todo o nome: poñendo os primeiros caracteres e logo premendo a tecla de tabulación xa se autocompleta e ademais evitamos erros de tecleo

[7] Convén comprobar que temos instalada a máquina virtual de Java instalada(JRE) porque senón aplicativos como Base, o xestor de base de datos non pode funcionar. Véxanse as imaxes anexas a este artigo

Responder a este artigo